Volvemos!!


[Entrevista no Diario da Universidade de Vigo]

As rutas culturais que cada curso organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo xa están en marcha. O día 24 de outubro arrancara, cun percorrido polo Ribeiro, unha programación que durante o curso 2015/2016 levará aos amantes das andainas a percorrer once roteiros por Galicia e a súa contorna. Serán en total 202 quilómetros nos que os participantes non só terán a oportunidade de realizar unha actividade física senón tamén coñecer o patrimonio natural e cultural dos lugares por onde pasen e divertirse en grupo. 

Coma cada ano, na programación dos roteiros deste curso intentamos ser innovadores, introducindo novas propostas que sexan atractivas tanto para o público que xa temos fidelizado como para as persoas que se queiran iniciar nas andainas”, explica José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, entre as novidades máis destacadas están un percorrido polas Médulas, “porque despois de dez anos de roteiros tiñamos a obriga de achegarnos a este enclave patrimonio da humanidade”, e outra polas Fragas do Eume, para “coñecer a súa riqueza natural e tamén para ver cos nosos propios ollos como está sendo a súa recuperación despois dos incendios que sufriu”. 

Tamén se incorporan á programación varios itinerarios PR-G, pequenos recorridos por Galicia, e, en rutas que xa son un “clásico” desta actividade, como a do Magosto e a da praia, introdúcense novas propostas, como son respectivamente unha visita ao Parque Botánico de Montealegre e outra a Baiona. Por último entre as novidades está a celebración cada cuadrimestre dun concurso fotográfico no que os participantes nos roteiros poderán presentar as súas mellores instantáneas. O que se mantén nos once percorridos é a aposta por aproveitar os percorridos para coñecer o patrimonio da contorna, contando para elo coa colaboración en cada andaina do arqueólogo Martiño Xosé Vázquez.

Once propostas

A programación iníciase o día 24 de outubro coa Ruta do Ribeiro-Pena Corneira. Cunha dificultade media-alta e 20 quilómetros de percorrido, o itinerario inclúe parada no Monumento Natural Pena Corneira e unha cata de viños na Adega Ramón do Casar, que destaca pola súas modernas instalacións. A segunda das rutas será a Ruta das Fragas e Levadas dos ríos Calvo e Deva (PR-G 165), que terá lugar o día 14 de novembro, cunha dificultade baixa. Seguiralle o día 28 de novembro a Ruta de Arnoia (PR-G 143), na que se realizarán paradas interpretativas ao longo do percorrido para ver o Balneario de Arnoia, a canle hidráulica, os muíños de Chancela e outras mostras do patrimonio da comarca. Para rematar o ano, a cuarta ruta levará aos amantes das andainas ao Parque Botánico de Ourense para continuar ata a área recreativa de Loñoá, onde se celebrará un magosto, con chourizos, castañas, viño e outros produtos típicos de Ourense, e un sorteo de agasallos. 

Os roteiros comezarán 2015 percorrendo a Ruta Histórica de Mos (PR-G 67) o día 16 de xaneiro, na que se fará unha parada na Festa da Prehistoria de Mos. O día 30 será a quenda da Ruta da Corga da Fecha, na que os participantes verán a Corga da Fecha, a Vila romana Aquis Ogere e ao remate da ruta terán a posibilidade de bañarse nas termas de Riocaldo, en Lobios. O día 20 de febreiro, as rutas culturais chegarán a Allariz, a Santa Mariña de Augas Santas e o Castro de Armea, visitando A Portela, reserva da biosfera, o Centro de Educación Ambiental do Rexo e realizando a ruta arqueolóxica por Armea, na que traballan investigadores do campus de Ourense. 

Tras esta visita, os roteiros continuarán o día 12 de marzo cun percorrido por O Incio que inclúe unha visita á igrexa románica do Hospital. O día 2 de abril, os roteiros culturais sairán de Galicia para achegarse ao complexo arqueolóxico e natural das Médulas, declarado patrimonio da humanidade. Cunha distancia de 15 quilómetros e dificultade baixa, a ruta inclúe unha visita ao centro de interpretación, ás minas a ceo aberto e outros enclaves de interese da zona. Este mesmo mes, o día 23, os amantes das andainas achegaranse ao parque natural das Fragas do Río Eume. Por último, e como xa vén sendo tradición, a programación de rutas culturais rematará cunha baño na praia. Nesta ocasión os camiñantes realizarán o percorrido Oia-Baiona, cunha visita ao castro e conxunto rupestre da Cabeciña. Ao remate da ruta existirá a posibilidade de bañarse na praia de Baiona. 

Inscrición

A inscrición en cada ruta pode facerse desde 15 días antes da súa data e ata o xoves anterior, realizando a inscrición en liña. O prezo varía en función do tipo de público e do número de rutas que se queiran realizar. O prezo dunha ruta é de dez euros para os membros da comunidade universitaria e 15 para persoas alleas, existindo a posibilidade de mercar bonos para varios traxectos. Concederanse dez horas ECTS por cada ruta realizada ata un máximo de dous ECTS (seis rutas). Haberá autobuses para trasladar aos participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Para cada ruta comunicarase a hora de saída, que será preferentemente ás 9.00 horas agás para as catro últimas, que se informará con antelación.