List@s para facer cumio??

Este sábado temos o roteiro máis complicado deste ano 2014. Unha ruta de aproximadamente 20 km na que faremos cumio no coñecido como Pico Nevosa no Xurés-Gerês. Un punto onde podemos albiscar toda a provincia de Ourense e parte de Portugal. 

A dureza da ruta non está tanto na distancia coma no perfil e no propio chan. Será unha ruta de sendeirismo de alta montaña polo que non teremos sendeiros marcados e teremos que guiarnos en campo aberto. Esta será unha característica de desgaste físico pero especialmente psicolóxico, o que sumado ao importante desnivel acumulado e a mala previsión do tempo fai que dende o staff dos Roteiros Culturais da Universidade de Vigo cataloguemos esta ruta como de alta dificultade

Para que o que pode ser unha xornada memorable non mude nunha mala lembranza dese fantástico patrimonio que é o Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés, aconsellamos (que é o mesmo que entendemos necesario para tod@s @s participantes):

1) A previsión do tempo dos compañeiros da Estación Meteorolóxica de Lobios fala dunha xornada moi mala para facer cumio en Nevosa. Temperaturas baixas e altas probabilidades de precipitacións. Por isto, e despois de recoñecer o terreo, aconsellamos abundantes capas polares e roupa cortaventos para unha sensación térmica moi fría, con zonas de neve. Preferiblemente en diferentes capas para ir quitando a medida que entremos en calor. Ademais chuvasqueiros e paraugas!!! A maiores pode ser recomendable levar gorro, bragas para o pescozo e algo para o frío nas mans. 

Para a parte inferior, aconsellamos polainas e calzado preparado para a auga: botas con Gore-Tex!! Importante non só pola humidade senón polo inestable do terreo para amarrar ben o pé. Polo que tamén recomendamos o uso de bastóns para quen os necesite. 


2) Traede coma sempre o avituallamento (bocadillo, froita, froitos secos, bebidas etc.). Moi importante AUGA para que non volva a suceder o do último roteiro.

3) Equipo aconsellable complementario: mochila pequena con apósitos para as bochas e unha muda completa para deixar no autobús.

4) Comezaremos a camiñar arredor das 11:00 e a xornada rematará arredor das 17:30 h.


5) Horarios: IMPORTANTE MODIFICACIÓN NO HORARIO DE SAÍDA CON RESPECTO AO PROGRAMA. @s de Ourense non queremos madrugar de novo e saímos ás 9:00 dende Café-Bar Bekas. @s que sodes de Vigo e Pontevedra coma sempre contactade co Servizo de Deportes dos vosos Campus para concretar hora e lugar.

No referido a ruta en GPS temos varias alternativas para escapar do Pico en función da climatoloxía polo ao fin non queremos compartir ningunha ruta definitiva. Desta volta teredes que encomendarvos á Willycracia!!! ;)

Vémonos o sábado que de seguro será unha ruta que dará moito que falar.