Preparando a ruta da Ribeira Sacra Lucense, ides flipar!!!!

Onte estivemos preparando a próxima ruta do día 16 coa que veremos unha perspectiva da Ribeira Sacra nova para nós, máis acostumados a contemplala dende a banda ourensá. A ruta total son 18 km: o inicio será suave e despois dun par de quilómetros de baixada descubriremos, ó carón do río, o conxunto de muíños hidráulicos recuperados dos Chancís. Abandonamos esta paisaxe para ir gañando cota e remontar montaña arriba descubrindo varios dos miradoiros máis espectaculares da zona, incluído o recentemente inaugurado miradoiro de Bolmente, feito pola arquitecta Isabel Aguirre. É o que sae no vídeo que fixemos, a calidade non é moi boa pero serve para que teñades unha idea e vós si que vaiades preparados con cámaras para rexistrar esta fermosa paisaxe.

 
 Pero este miradoiro non será o único, remontando o río teremos outros igual ou máis espectaculares que o anterior. Cousas do sendeirismo que neste punto, no medio da nada coincidimos cunha parella de turistas encantados coa zona. Un día laborable ás 11 da mañá!! Non sabemos os recursos que temos neste país e o pouco que os aproveitamos. Unha mágoa!!!

Willy cos improvisados compañeiros de viaxe e co mosteiro de Sta Cristina ó fondo